Saturday 04 de May de 2024

O alcalde de Ordes e a conselleira de Traballo e Benestar visitan o obradoiro de emprego ‘Terras de Trastámara’


Esta mañá o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, acompañado da conselleira de Traballo, Beatriz Mato,visitaron o obradoiro de emprego ‘Terras de Trastámara’, o cal deu comezo o pasado 7 de setembro. Un acto celebrado na sede do dito obradoiro situada na estación da Pontraga, e ao que tamén acudiron o presidente da Mancomunidade de Ordese alcalde de Frades, Roberto Rey, así como representantes do Concello de Tazo e a delegada territorial, Belén do Campo.
En total a Consellería de Traballo e Benestar inviste 180.000 euros para levar a cabo este iniciativa formativa e laboral impulsada simultáneamente polos concellos de Ordes, Frades e Trazo. Grazas a este esforzo conxunto hai que falar de 20 persoas desempregadas que de cara ao mes de marzo, unha vez finalizado este periodo de aprendizaxe e práctica, verán engrosados os seus currículos cunha titulación homologada a través dun certificado de profesionalidade.
Durante os próximos seis meses todas e todos eles adquirirán coñecementos e realizarán tarefas especializadas en fábricas de albanelería; pintura decorativa en construción; e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Concretamente o alumnado traballará na rehabilitación da casa reitoral de Santa María de Chaián, en Trazo; na do local sociocultural da rúa Galicia, en Ordes; e na dos locais sociais das parroquias de Ledoira e Papucín, en Frades.
Neste sentido o alcalde de Ordes invitou a todos a “aproveitar este oportunidade para mellorar o currículum e acadar así maiores oportunidades no eido laboral”. Pola súa banda a conselleira lembrou que os obradoiros ofrecen “múltiples vantaxes”. Por unha banda, permiten o acceso a un posto de traballo, ao tempo que ofrecen formación da “máxima calidade” vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional. Ademais, durante o tempo que se desenvolven estes proxectos, realízanse obras e servizos en beneficio da comunidade.
Precisamente, “valorando todas estas vantaxes”, a Consellería decidiu este ano blindar a orde anual de obradoiros e complementala cunha nova convocatoria, que se executa por primeira vez neste exercicio, destinada aos menores de 30 anos e incluída no Sistema de Garantía Xuvenil.“Isto tradúcese nun investimento total de preto de 15 millóns de euros, para a posta en marcha de 77 obradoiros, nos que participarán máis de 1.500 alumnos, aos que se suma a contratación de profesores”, resumiu Mato, quen destacou que este orzamento é “un 50 por cento maior que o do pasado ano”.
Finalmente a conselleira acompañada polo alcalde de Ordes e os concelleiros de Deporte e Educación realizaron unha visita á zona de ocio e esparcemento que supón na actualidade a estación da Pontraga, destacando Beatriz Mato a beleza e encanto desta área natural.